Press "Enter" to skip to content

‘Go On!’ & ‘D.E.P. Descanse en paz’. Malasombra producións

18/01/2019 – 18/01/2019

A sede do Centro Dramático Galego no Salón Teatro de Santiago de Compostela recibe esta semana a Malasombra Producións con dúas das comedias máis coñecidas desta compañía galega: Go On!’, o venres 18 ás 20:30 h., e ‘D.E.P. Descanse en paz’, o sábado 19 á mesma hora.

Trala súa recente participación no ciclo de Nadal do CDG ‘Gran teatro para os máis pequenos’ co espectáculo de pompas de xabón ‘Os fabulosos Cleaners’, o dúo interpretativo que integran Xoque Carbajal e Jouse García regresa ás táboas do Salón Teatro con dúas propostas, dirixidas por Marcos Orsi, coas que continúan a xirar por todo Galicia.

O venres será a quenda de ‘Go On!’, comedia escrita por José Luis Prieto sobre uns astronautas que toman terra no “planeta Galicia”. Os exploradores inician entón “unha odisea cósmica no espazo galego”, durante a que entrarán en contacto cos cans de palleiro, o porco do San Martiño, as festas gastronómicas, os toxos e as ortigas ou a Santa Compaña.

Ao día seguinte, o pano do Salón Teatro levantarase para ‘D.E.P. Descanse en paz’, produción realizada a partir dun texto de Pep Antón Gómez e Jordi Sánchez, traducido e adaptado por Xoque Carbajal. Esta montaxe bota man do humor para contar unha historia de egoísmo, mentiras e enganos entre irmáns ante a repartición dunha herdanza.

 

+ Info